O Documental

Tesouro de Corcoesto

Este documental xorde da urxente necesidade de falar do novo modelo extractivo que se pretende instalar en Galicia. Está centrado no caso da mina de ouro en Corcoesto, comarca de Bergantiños. Un proxecto determinante, non só polas graves secuelas que podería deixar na saúde humana e ambiental, senón porque se considerou o punto de partida deste novo plan da Xunta de Galicia para manexo do territorio. Seguiriamos así a tendencia que se estende pola Europa máis debilitada pola crise de poñer en saldo os recursos e a terra, ao servizo de multinacionais e do sector financeiro internacional.

A firma canadense que está detrás da mina de Corcoesto quería facer unha explotación ao descuberto, dinamitando a montaña e extraendo o ouro da roca con inxentes cantidades de cianuro.

Unha estratexia empresarial opaca. Unha aposta política por un modelo de desenvolvismo feroz. Unha realidade socioeconómica deprimida, polarizada nun SI ou NON á mina. Científicos e ecoloxistas que se opoñen á aprobación ambiental da Xunta, e que unen forzas coas asociacións antimina para presentar batalla legal e concienciar ao resto da poboación dos seus perigos. Medios de comunicación que se comportan como voceiros do poder. Paralelismos con proxectos similares en distintos lugares do mundo. Esta era a complexa maraña que tiñamos diante e á que tentamos arroxar luz co noso documental.

Tesouro de Corcoesto


Cuestións de produción

Trátase dunha longametraxe documental de investigación, máis tamén crónica dun proceso en marcha. O pequeno equipo que realizamos o traballo incorporámonos xa iniciado o proceso de implantación da mina, cando a empresa mineira estaba a piques de empezar a fase de explotación e o activismo levaba xa meses de loita. De xeito que quedamos case sen alento afrontando a rodaxe, ao mesmo tempo que a documentación, localización de personaxes, guion e procura dun financiamento mínimo para chegar até o final. Un proceso que acabou estendéndose a un período de case dous anos de traballo. Aí enlazamos coa fase de difusión por salas, con pases gratuitos por toda Galicia e participación en varios festivais de España.

Tesouro de Corcoesto


As razóns para facelo

Nun primeiro momento, as persoas que fixemos este documental implicámonos na tarefa motivados polo amor a unha comarca, intuíndo a gran ameaza que significaba o proxecto mineiro e advertindo que a información respecto diso movíase entre termos opostos -ou catastrófico, ou necesario- dependendo de quen a contase. Isto incentivou a nosa urxencia por entender o proceso e as súas consecuencias, especialmente ambientais. Iniciamos, así, unha investigación que tentamos que fora o máis exhaustiva e contrastada posible, convencidos de que un formato de fácil acceso como o documental permitiría levar esta información a un público maioritario. Deste xeito, propoñemos este documental como ferramenta ao servizo do pensamento crítico para toda a sociedade galega respecto do que pode supoñer unha revolución no manexo do seu territorio e unha ameaza para o seu patrimonio natural e cultural. Talvez o proxecto de Corcoesto permaneza aparentemente durmido mentres non repunte o prezo do ouro, e as condicións económico-político-empresariais non volvan ser as precisas. Pero a ameaza mineira/extractiva segue aí, con centos de proxectos en cernes, e urxe situarse respecto diso, porque as súas consecuencias non son banais nin de curta duración.

Do que quixemos falar, en última instancia, é da crecente e perigosa escisión sociedade/natureza que propón o noso modelo de desenvolvemento capitalista. Consideramos que esta crónica pode enlazar ou ser contrastada con outras situacións críticas noutras partes do mundo, a partir do auxe mineiro que vivimos en todo o planeta. As estratexias de implantación das compañías móstranse moi parecidas e tamén as respostas sociais. Así, consideramos moi importante compartir información a nivel global, trasladando unha problemática xurdida nunha pequena parroquia da Costa da Morte ao mundo enteiro.

Tesouro de Corcoesto


Experiencia previa e equipo

Este traballo é unha aposta da directora Cora Pena, dedicada profesionalmente ao formato documental, e con especial afinidade cara aos temas ambientais, conseguindo unha valiosa experiencia no tema do neoextractivismo coa súa longametraxe documental Apash, os de fóra , rodado na Amazonía peruana, sobre o conflito de indíxenas con goberno e multinacionais. Ao redor dela, concienciados pola urxencia de dar visibilidade a esta problemática mediante a edición dunha película de difusión libre, pecha filas un reducido e voluntarioso grupo interdisciplinar, contribuíndo ao enfoque da película desde as súas distintas especialidades e ópticas, científicas, técnicas e humanísticas.

 
 

Estamos en Facebook:

Licencia / Legal

Licencia de Creative Commons
O documental TESOURO DE CORCOESTO de CORA PEÑA está baixo licencia Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 4.0 Internacional License.

Pódense dar outras licencias diferentes a estas no resto de contidos publicados nesta web.

Nota legal:

"Tesouro de Corcoesto" declara que non se fai responsable das opinións publicadas nesta web. Estas son únicamente presentadas coma parte dun proceso documental realizado a través de entrevistas persoais. As opinións aquí publicadas so reflecten a postura dás persoas entrevistadas e non necesariamente a de "Tesouro de Corcoesto".